How to arrive

Showing posts with label GAAP. Show all posts
Showing posts with label GAAP. Show all posts

28/09/2011

Poesía e prácticas de resistencia cultural

A editorial Peter Lang presenta un volume cos resultados dos simposios organizados en 2008 e 2009 pola rede internacional Poetics of Resistance nas Universidades de Leeds e Santiago arredor das novas prácticas poéticas, artísticas e culturais de resistencia e emancipación.
O volume edítase na serie “Hispanic Studies. Culture and Ideas”, coordinado por Arturo Casas (GAAP-USC) e Ben Bollig (University of Oxford), co título Resistance and Emancipation. Cultural and Poetic Practices
Recóllese nel unha parte significativa dos traballos desenvolvidos pola rede internacional Poéticas de Resistencia nos encontros científicos que tiveron lugar nas Universidades de Leeds e Santiago de Compostela nos anos 2008 e 2009. 
Na rede participan, xunto co núcleo galego, investigadoras/es e produtoras/es artísticas/os procedentes de México, Brasil, Perú, Chile, Uruguai, Arxentina, Sahara Occidental, Portugal, España, Francia, Países Baixos, Alemaña e Reino Unido.

13/03/2011

Plenary lecture / comunicación plenaria: “A poesía non lírica no actual sistema de xéneros“


Martes 26 de abril – Tuesday, April 26:

“A poesía non lírica no actual sistema de xéneros“
(Arturo Casas, Universidade de Santiago de Compostela)

A comunicación busca delimitar en sentido semiótico-cultural o lugar, funcións e relacións da poesía non lírica no sistema de xéneros vixente tras a modernidade. A este fin presentarase un esquema de carácter xeral sobre ese macrosistema desde unha perspectiva pragmática que comezará por poñer en cuestión a propia doxa estética da modernidade. Este esquema combinará unha teoría da enunciación literaria e unha análise sobre as atribucións socioculturais da literatura e da arte no mundo actual. En tal análise comparecerán como factores centrais a subxectivación, a mediación, a ficcionalización e a espectacularización. A poesía non lírica estudarase neste marco como unha modalidade discursiva desestabilizadora e transversal que se constitúe como algo diferente a unha simple refutación das variantes líricas do discurso poético. Asemade, insistirase na imposibilidade dunha comprensión e unha análise da discursividade non lírica en tanto proceso cultural emerxente á marxe da consideración holística e sistémica da xenericidade posmoderna.

Arturo Casas Vales dirixe o Grupo Alea de Análise Poética (GAAP) na Universidade de Santiago de Compostela e é investigador principal do proxecto El discurso no-lírico en la poesía contemporánea: espacios, sujetos, hibridación enunciativa, medialidad, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e que foi o punto de partida do I Congreso Internacional DINOLIPOE.