How to arrive

28/04/2011

Conclusión(s) do Congreso



O I Congreso Internacional DINOLIPOE terminou e a organización agradece a congresistas e demais público a súa participación tan activa, perspicaz e enriquecedora que superou con creces as nosas expectivas. No primeiro día do congreso tamén se inaugurou a exposición de obxectos poéticos "Edición pirata" de Pepe Cáccamo, coa presenza do artista, na biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
As contribucións e os debates, que se desenvolveron ao longo de dous intensos días de traballo, evidenciaron que a poesía contemporánea está intimamente relacionada coas principais problemáticas da nosa actualidade- sexan estas filosóficas, sociolóxicas, históricas, políticas, sistémicas, etc. 
Producíuse un acordo unánime no sentido de que non é doado establecer unha dicotomía entre o 'lírico' e o 'non lírico', posto que isto significaría recaír no binarismo occidental. Ao contrario, é necesario enfocar o 'non lírico' como unha grande variedade de discursos formais, estéticos, mediais, teóricos, ideolóxicos, etc., que subxace, directa ou indirectamente, á maioría da produción poética do momento. 
Outra conclusión, na que coincidiron practicamente todas as contribucións, é a falta de ferramentas teóricas metodolóxicas axeitadas e comunmente aceptadas para describir e interpretar a enorme heteroxeneidade de aspectos implicados na constitución do fenómeno poético actual. Esta circunstancia esixe unha reorientación das disciplinas da literatura comparada e da teoría da literatura, como quedou moi evidente através das contribucións de Daniel Chamberlain, Margalida Pons e Arturo Casas. 
Se o 'lírico' inclúe aspectos como o desexo dunha certa orde e un carácter que tende a marcar, en certa medida, unha diferenza, como salientou Gisele Wolkoff, o 'non lírico' talvez podería ser visto como unha abertura ou incluso ruptura: caracterizaríase pola transición, transformación, transcodificación e tradución, ou sexa, facendo fincapé neste momento (espacio-temporal, psicolóxico, tradutivo, etc.) do 'entre' ("in-between"). O 'non lírico' subverte as dependencias histórico-lineares ou teleolóxicas como a do 'orixinal'/ da 'orixe' ou de calquera tipo de autoridade, xa que o seu 'texto' consiste na propia dinámica da metamorfose, como insistiu Rui Torres. 
Moitos discursos 'non líricos' tamén transportan, e nisto insistiu unha importante parte das e dos conferenciantes, elementos de resistencia e de intervención en relación ao espazo público e sistémico, a partir dun ethos (ἦθος) definido a partir do seu contexto de produción e recepción imediato, tal como o ilustraron, por exemplo, a contribución de Issac Lourido ou a conferencia de clausura de Silvia Bermúdez. Así, a poesía, en toda a multiplicidade das súas posíbeis apariencias, tería que ser entendida, sobre todo, como unha forma de vida. Neste sentido, Daniel F. Chamberlain evocou unha "potential ethical nature of poetry", mentres que Cornelia Gräbner advertiu que, na reavaliación sistémica da poesía a partir dun impulso ético sería preferíbel "crear imaxinarios" para evitar o perigo da creación de novas ideoloxías (totalitarias).
En vindeiros posts habemos de completar, explicitar e diferenciar estes e outros dos moitos aspectos que foron propostos e debatidos no congreso e que no vindeiro ano se publicarán, de maneira máis elaborada e documentada, en formato libro.  
Aquí se poden atopar algunhas das noticias sobre o congreso que apareceron na prensa galega:
http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=4722&Itemid=2
http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=4704&Itemid=55
http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/concepto-maleable/idEdicion-2011-04-14/idNoticia-659365/
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=18774&soportal=lg3
http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=4482&Itemid=2
(Burghard Baltrusch)